jueves, 5 de enero de 2017

Ons

Ao bater con forza, a porta acabara cedendo. Entraron. A planta baixa estaba ocupada dende había anos pola espectacular biblioteca na que decidira convertila Asunción, unha estancia inmensa ocupada por estantes inzados de volumes que chegaban ao teito.
-Mi madriña! Cantos libros! –exclamou admirada Fátima.
-Cando sexa maior quero unha biblioteca coma esta –murmurou Suso. Pax. 56
-Imos mirar se atopamos algo na biblioteca.
Asunción conseguira xuntar unha biblioteca inmensa. As catro paredes da planta baixa estaban cubertas de estantes cheos de libros ata o teito. Para chegar arriba de todo había que usar unha escaleira de man. No centro da biblioteca destacaba un inmenso escritorio de madeira nobre no que, porén, non quedaba máis ca un pequeno oco para escribir entre montes de libros apiñados á toa. Páx. 90


Dentro gardaba unha ducia de fotos vellas, en branco e negro. Repasounas devagar. Pareceulle que todas tiñan que ver co mesmo conflito do que falaban os recortes de prensa do cartafol da biblioteca. Páx. 92


Fátima calou cando escoitou un grande estrondo na planta baixa. Alguén tropezara coa esqueira de man da biblioteca. Pensou axiña na Rula, pero logo sentiu o respirar afrontado da cadela pegada á súa perna. O ruído era cada vez máis forte, alguén parecía procurar desesperado calquera cousa. Fátima sentiu un arreguizo e avanzou, procurando facer o menor ruído posíbel, cara ao cuarto do lado, onde Suso ficara lívido tamén. Déronse a man. Apertábanse con forza cada vez que escoitaban o balbordo que viña de abaixo. Quen fose que andaba na biblioteca parecía excitado de máis. Páx. 93-94


-Libros, viñamos por libros. Xa sei que está mal pero… pensamos que era un bo día para coller prestados algúns libros da biblioteca de Asunción. A ela non lle había importar. Gustáballe compartir os libros cos demais. Páx. 96

Imaxinamos que a carta refírese aos incidentes que houbo en Vigo en setembro de 1972. Nesta carpeta que atopamos na biblioteca hai unha chea de recortes dos xornais daqueles días, tamén atopamos este sobre con fotos soltas, algunhas coinciden e outras non. Páx. 102

Ons de Carlos Meixide, libro autoeditado no 2015. Aportado por Ana Cosque

No hay comentarios:

Publicar un comentario